Friday 10 de May de 2024

A Xunta e a Cadea Mar-Industria advirten do grave impacto na actividade pola inseguridade xurídica que xenera o recurso contra a Lei do Litoral Galega


— Ángeles Vázquez censura a falta de transparencia do Goberno central, que nin sequera lle comunicou ao Consello de Estado a súa decisión de presentar o recurso ante o Constitucional e continúa negándolle á Xunta o dereito a defender a súa lei

― Alfonso Villares reclama unha rectificación que devolva a capacidade de tomar as decisións que afectan ao desenvolvemento sustentable da súa costa e caladoiros á comunidade autónoma, como reclama cada vez con voz máis alta o sector

― O presidente das confrarías galegas e a titular da comisión Mar-Industria da CEG deron lectura a un manifesto que defende o valor fundamental destas actividades, prioritarias ante calquera outra na normativa autonómica agora en suspenso

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participaron hoxe no Acto pola protección do sector pesqueiro, marisqueiro e da cadea mar-industria e en defensa do litoral galego, un encontro que reuniu na Cidade da Cultura de Santiago a un centenar de representantes de todos os ámbitos da actividade produtiva vinculada ao mar. Confrarías de pescadores, industrias transformadoras e conserveiras, depuradores de mariscos, bateeiros, armadores e responsables da patronal galega congregáronse no Edificio Fontán do Gaiás para defender, todos a unha, que Galicia debe ter a potestade de decidir sobre a súa costa.
No encontro, onde se deu lectura a un manifesto onde o conxunto da actividade se lamenta do lesivo recurso ante o Tribunal Constitucional contra a Lei do litoral de Galicia. Unha decisión que provoca inseguridade xurídica e pon en risco a actividade, o emprego, servizos e mesmo a nas localidades costeiras galegas, ademais de paralizar obras de saneamento e poñer en perigos distintos tipos de servizos.
Ángeles Vázquez defendeu a Lei do litoral galega como unha norma “que non vai contra ninguén”, unha lei “boa” e que busca garantir unha xestión integrada do dominio público marítimo-terrestre que ofreza “seguridade xurídica” ás actividades estratéxicas ao tempo que preserva os seus valores, polo que lamentou a negativa do Estado a dialogar coa Xunta sobre a norma, antes e despois da súa aprobación.
Así e tras anunciar o pasado 10 de outubro que recorrería a norma galega ante a Xustiza, a vicepresidenta censurou a falta de “transparencia” demostrada unha vez máis polo Executivo central que, segundo dixo, nin sequera comunicou ao Consello de Estado a súa decisión de presentar o recurso, tal e como lle confirmou esta semana por carta á Xunta o propio organismo estatal.
Por todo o exposto, Vázquez Mejuto resaltou a importancia do manifesto presentado hoxe en defensa dun sector “clave” para a comunidade e do litoral galego no seu conxunto, unha “fronte común” necesaria, engadiu, para facer que se escoite en Madrid “a voz do mar” e deixar claro que “con Galicia e a súa costa non se xoga”.
Pola súa banda, Alfonso Villares argumentou ningunha outra iniciativa lexislativa sitúa “á pesca, marisqueo ou miticultura cun nivel de protección tan alto como fai a norma galega”. O titular de Mar recordou que recoñecía estas actividades como “estratéxicas e prioritarias”, algo que gañou relevancia despois de constatar como se aprobaron os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) polo Goberno central: sen diálogo ningún coas comunidades autónomas nin cos sectores implicados.
O conselleiro do Mar considera que esa é a clave de que a cadea mar-industria depositase toda a súa confianza na aprobación, o pasado 6 de xullo, da Lei do litoral de Galicia, a Loxilga, pois a norma autonómica, agora en suspenso, recoñece con total claridade o uso pesqueiro, marisqueiro e acuícola como “estratéxico e prioritario” para o desenvolvemento sustentable do litoral.
Tamén se sumou Alfonso Villares á mensaxe de que desde o Goberno central en funcións non poden deixar de escoitar o clamor que medra cada día máis en Galicia en defensa do seu sector produtivo e do seu litoral, instando novamente a rectificar, dar marcha atrás e permitir que Galicia tome o temón das súas competencias sobre a costa e os caladoiros.
Por parte do mundo do mar os encargados de transmitir as inquedanzas deste conxunto de actividades foron o presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira, e a presidenta da Comisión Mar-Industria da patronal autonómica (CEG), Isabel Cañas. No manifesto que leron entre os dous deféndese o valor fundamental do sector marítimo-pesqueiro para Galicia, unha actividade estratéxica que sustenta máis de corenta mil empregos e xeran nove mil millóns de euros de actividade produtiva, cun peso que non ten parangón nin no resto de España nin no conxunto da UE.
Presencia de todas as actividades
O manifesto asinado hoxe foi subscrito por distintas entidades da cadea mar-industria de Galicia e preténdese que se estenda entre moitas máis, co obxectivo de conformar unha forte fronte común na defensa do litoral galego e de que as decisións sobre este ámbito se podan tomar desde a comunidade autónoma.
No acto en Santiago estaban os máximos responsables da federación galega e das tres federacións provinciais de confrarías de pescadores, así como decenas de patrons maiores e membros dos cabildos dos pósitos; a cúpula de Anfaco-Cecopesca e da Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI); de Pescagalicia-Arpega; Amegrove; da Asociación de Empresarios Depuradores de Moluscos (Agade); os palangreiros de Orpagu; a Asociación de produtores de Rodaballo de Galicia (Aroga); a Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca); as redeiras de O Peirao; a Sociedade Cooperativa Santa Uxía de Ribeira; a Federación Galega da Construción (Fegacons); e os responsables da maioría dos grupos de accións locais en pesca (GALP), entre outros colectivos e empresas.